Internet era nosa. Roubárona entre quen viven de extraer os nosos datos persoais e quen necesitan que se estenda o odio, pero antes todo ese espazo era noso. Tamén nos roubaron Internet cando privatizaron as redes que foron desenvolvidas en centros de investigación públicos para darllas a un puñado de empresas. Ou cando se apropiaron de todo o que millóns de persoas estaban facendo en liña para empaquetalo nun modelo de negocio que chamaron Web 2.0. Contáronnos Internet como un exemplo de éxito empresarial para que nos olvidemos do papel dos hacklabs, da financiación pública, de streamers gastando zapatilla nas rúas, de señoras enviando memes a grupos de WhatsApp, de activistas que conspiran, de riders en folga… de millóns de protagonistas que non adoitan aparecer nos relatos e que son parte fundamental do desenvolvemento das tecnoloxías dixitais.
Repasar esta historia de vitorias ―porque se perdemos tantas veces é porque un rato antes íamos gañando― non é un exercicio de nostalxia impotente, é unha ferramenta para lembrar que se pode gañar. Que Internet pode ser un territorio onde aprender, colaborar e avanzar cara algo que se pareza un pouco máis ao mundo no que queremos vivir. Que podemos pensar unha IA feminista e decolonial máis sostible, aberta e democrática. Este libro é memoria histórica de Internet e tamén é unha recopilación de ferramentas para pasar á acción, imaxinar outras redes e construílas xuntas. Deste xeito, termina cun epílogo no que a escritora Lola Robles adopta o formato de relato especulativo para comezar a imaxinar utopías dixitais compartidas.






